CASTELLANO

 

Non todas as plantas reaccionan igual ás baixas temperaturas. Hai algunhas que se resisten 0 graos, e incluso menos, mais hai outras que van sufrir moito por debaixo de dez graos. Entre as primeiras, as resistentes, os chícharos ou os porros; entre as segundas, as que non o levan nada ben, o pirixel, a alfábega, o pemento, o tomate…

 

É probable que decidamos protexer a nosa horta urbana do frío. En xeral convén a todos os cultivos, porque as plantas que soportan ben o frío non están mellor con temperaturas extremas polo feito de soportalas. O ideal, se as dimensións da nosa horta o permiten, é contar cun invernadoiro, mais é unha opción que loxicamente non serve para a maioría das terrazas ou balcóns. Hai que pensar en solucións que se adapten ás nosas necesidades.

 

Os túneles de cultivo son basicamente invernadoiros «razoables»: evitan as xeadas e protexen das nevaradas e deixan pasar a luz, teñen unha montaxe sinxela e adáptanse facilmente ao espazo. Están fabricados con arcos premontados sobre os que se coloca unha película transparente, e tamén hai bos titoriais en internet para construílos no noso fogar. Atópanse moitos modelos e de distintos tamaños.

 

Se un túnel segue sendo unha solución demasiado grande ou aparatosa, optemos polas mantas térmicas. Permiten que as plantas respiren, manteñen a humidade e protexen do frío.

 

A protección de plantas individuais conta con solucións enxeñosas, como cortar a base dunha garrafa de cinco litros para colocala arredor da planta. O tapón poderá abrirse polo día e pecharse pola noite.

 

Tamén convén protexer o solo, proporcionando un acolchado ou humus que protexa as raíces. Pode prepararse utilizando palla, follas secas, téxtiles de algodón ou la, herba seca, casca, cartón…

 

©Comesaudable, GB Corporación 2022. Aviso Legal

(Visited 26 times, 1 visits today)