CASTELLANO

 

Estar ben hidratados é fundamental, especialmente cando imos realizar unha práctica deportiva de grande intensidade. Ademais de facelo con auga, moitas persoas recorren ás bebidas isotónicas ou deportivas para recuperarse despois de facer exercicio. Mais, son sempre recomendables? Aínda que é verdade que estas bebidas poden axudarnos a repor con facilidade sales minerais e nutrientes, non sempre resultan ser a mellor forma de hidratarnos.

Que son as bebidas isotónicas?

Son bebidas que favorecen a absorción da auga, para o que é preciso que o organismo as recoñeza como tales, é dicir, deben ter a mesma concentración de compostos en solución que o noso sangue. A composición das bebidas isotónicas adoita constar de: auga, hidratos de carbono de absorción rápida e electrólitos (sales minerais). Neste punto, é importante insistir na importancia de ler ben a súa composición porque non todas as actualmente etiquetadas como «bebidas para deportistas» son isotónicas, e se quitamos as características específicas que fan que a bebida sexa equivalente en composición ao noso sangue, no final o que temos non é unha bebida isotónica senón un simple refresco.

Poden consumirse como refresco?

Tomalas de cando en cando non debería afectar a nosa saúde, mais non é recomendable utilizalas como bebidas habituais ou substitutivas da auga, xa que conteñen unha porcentaxe de certas sales minerais que poden resultar prexudiciais para os nosos riles, o corazón ou a variación dos líquidos corporais. Polo tanto, non se deben confundir cun refresco nin moito menos unha bebida infantil.

Cando están recomendadas e en que medida?

Recoméndanse no caso de deportistas de competición ou persoas que realizan adestramentos deportivos prolongados (de máis dunha hora) e de alta intensidade, ou en adestramentos fortes con climatoloxía desfavorable. Se non se vai realizar este tipo de exercicio é mellor utilizar auga para repor as perdas de líquido. A cantidade variará en función das características persoais, do exercicio e do tempo, mais o habitual está arredor dos 500-1000 ml. Ademais, como ocorre con todas as bebidas en xeral, é aconsellable tomalas en pequenos grolos, de forma continuada e sen que estea moi fría.

Poden tomalas os nenos e mozos?

En xeral, o seu consumo desaconséllase en menores. A razón principal é que os nenos e adolescentes perden menos sales minerais pola sudación que un adulto cando fan exercicio. Polo tanto, se lles damos unha bebida que contén unhas sales minerais que non perderon, estamos a aumentar o risco de que poidan padecer hipertensión no futuro. Ademais, estas bebidas conteñen azucres de absorción rápida que poden incrementar o risco de obesidade e sobrepeso, e provocar problemas de caries. Tamén se desaconsellan en persoas con hipertensión ou que padezan enfermidades renais.

E en casos de dor de estómago, descomposición ou vómitos é bo tomalas?

Tomar unha bebida isotónica non nos vai quitar a dor de estómago, mais pode resultarnos de axuda nunha gastroenterite aguda que provoque deshidratación. Tradicionalmente aconsellábase beber limoada alcalina para evitar a deshidratación, mais moitos non a tomaban polo seu mal sabor. Como as primeiras bebidas isotónicas tiñan un aspecto semellante á limoada alcalina, comezou a substituírse por estas bebidas. Porén, as necesidades de sales minerais en procesos gastrointestinais non son exactamente iguais que as que achegan as bebidas isotónicas, polo que en principio, e a menos que un especialista nos indique o contrario, é mellor acudir á fórmula da limoada alcalina caseira ou aos soros de rehidratación oral.

 

Só se permite a utilización destecontidonoutros sitios web enlazando coa nosaurl, mencionando como fontecomesaudable.
© Comesaudable, Madrid 2020.
Aviso legal

(Visited 78 times, 1 visits today)