CASTELLANO
A faba de Lourenzá, Galicia, é unha IXP (Indicación Xeográfica Protexida) que ampara uns feixóns secos da variedade «faba galaica» sans, enteiros e limpos. Son de cor branca uniforme, grandes e en forma de ril, longas e semicheas. Miden entre 19 e 26 mm e teñen un peso de entre 0,8 g e 1,2 g. A súa escasa proporción de pel, elevada capacidade para absorber auga e a súa excelente resposta á cocción fan dela, sen dúbida, un dos mellores feixóns brancos españoles. A IXP abrangue o territorio da Mariña Luguesa, é dicir, a zona costeira de Lugo, englobando concellos como Alfoz, Barreiros, Burela, Mondoñedo, Ribadeo… o máis importante historicamente é Vilanova de Lourenzá, de onde toma o nome. Esta zona posúe unhas condicións ambientais específicas idóneas para que as fabas teñan, por exemplo, unha pel moi fina. Na súa degustación destaca a pastosidade da polpa, exenta de grumos. Non existe diferenciación entre a pel e a polpa.

Achega proteínas, hidratos de carbono, vitaminas, minerais, fibra e ten baixo contido en graxa.

A faba é unha planta moi sensible á falta e/ou exceso de auga, especialmente na floración, polo que require solos con axeitada e regular humidade. Seméntase entre os meses de maio e xuño, con semente certificado, e a recolección realízase desde finais de agosto a finais de novembro, dependendo do clima e outros indicadores. A etiqueta comercial presentará a marca propia de cada produtor e unha etiqueta de codificación alfanumérica con numeración correlativa, autorizada e expedida polo órgano de control, co logotipo oficial da indicación xeográfica protexida.

A Festa da faba celébrase en Lourenzá cada primeiro domingo de outubro. O Arquivo de Xeografía Xeneral do Reino de Galicia xa documenta desde o século XVII a existencia do mercado de Lourenzá.

No prato

Podemos asegurar que as fabas de Lourenzá van ben con todo, porque acompañan cunha calidade e delicadeza fóra do común. A fabada de Lourenzá tradicional cocíñase con produtos do porco (chourizos, touciño entrefebrado…), mais non hai máis límites que a imaxinación e o bo criterio culinario. Sen dúbida, vai ben con outras carnes como a caza ou as aves, mais a proximidade do mar fai que atopemos pratos xurdidos do diálogo entre terra e mar, como fabas en caldo de verdura e rodaballo, con ameixas, con polbo, bacallau, mexillóns, luras… En todas estas e outras combinacións, a faba de Lourenzá seduce todos os sentidos pola súa textura carnosa e firme, a súa brancura e polo aroma doce e terroso.

 

©Comesaudable, GB Corporación 2021. Aviso Legal

Fuente: https://fabadelourenza.org/es

(Visited 215 times, 1 visits today)