Algunhas tendencias alimentarias para 2022
Abriuse un debate sobre a relación entre a calidade da alimentación, custo enerxético e ambiental e criterios de benestar animal. Este debate probablemente perdure e condicione as propostas e políticas de partidos e gobernos.
Crece a importancia da carne sintética e hai un auxe do consumo de vexetais e dos alimentos baseados ennplantas, que se perciben como menos agresivos co medio ambiente e que por iso responden ben a un criterio cada vez máis importante e estendido: aliméntome segundo os meus valores? A alimentación expresa, cada vez máis, a nosa propia visión do mundo e o que desexamos para nós mesmos e para os outros. Comemos como queremos vernos.
Mantéñense como tendencia e medran en consideración valores como proximidade e produción ecolóxica e sostible. As enquisas poñen un marco global de credibilidade a estas tendencias. Algunhas fontes estiman que o 38 % dos consumidores aceptan pagar máis por produtos elaborados con materiais sostibles, e que o 49 % pagaría máis por unha alta calidade e unha seguridade garantida. Se pasamos das enquisas á realidade do mercado, constatamos que non é o mesmo predicar que dar trigo. Ao pasar por caixa, as persoas que están dispostas a pagar máis realmente son moitas menos. Hai un longo camiño por percorrer.
Segue medrando o take away. Proliferan os restaurantes con moi poucos metros de comedor e moi poucas mesas que basean a súa rendibilidade en ofrecer comida preparada para levar. A súa oferta súmase á das empresas especializadas na entrega domiciliaria de comida preparada. Tamén hai maior oferta de alimentos preparados ou precociñados nos lineais dos supermercados. Parece que cada vez se cociña menos nos fogares. A cuestión é como estará de lonxe o nivel de saturación deste mercado, é dicir que marxe de crecemento ten aínda esta tendencia.
O que está fóra de discusión é o dominio do inglés á hora de dar nome ás tendencias alimentarias. Queden con este concepto, que vai cobrando importancia: realfooding. Non ás comidas procesadas, si ás comidas sinxelas como porta cara unha mellor saúde. Os seus seguidores -e todos e todas o somos de forma crecente nalgunha medida- rexeitan os refrescos, a bolaría, as salsas comerciais, as galletas e os seus derivados… E guerra aos alimentos etiquetados como light, 0 %… que en realidade enganan con esas etiquetas, ou desenvólvense nos baleiros normativos. En cambio, os realfooders buscan comer alimentos frescos. De xeito que a tendencia como tal é menos novidosa ca a etiqueta. Comer máis verdura, hortalizas e legumes e menos alimentos superfluos é bo desde sempre.
©Comesaudable, GB Corporación 2021. Aviso Legal