CASTELLANO

 

A crise sanitaria causada pola Covid-19 fai que, desde hai meses, pasemos máis tempo nos nosos fogares. A necesidade de estarmos cómodos na casa fíxose máis forte cada día, e as persoas amantes do café viron como o peche da hostalería ou as restricións impostas en horarios ou aforamentos dificultaron a súa ansiada cita diaria cun bo café de cafeteira profesional.

Sexa coas populares cafeteiras tipo Nespresso ou coas tradicionais cafeteiras de aluminio tipo Bialetti ou con calquera outro procedemento, a clave para facer un bo café na casa é un produto de calidade no seu punto axeitado de moído e conservación. Poden comprarse cafés de calidade nos supermercados e, sen dúbida, nas tendas especializadas, e as cápsulas poden mergullarnos nun universo rexido pola variedade e o márketing, aínda que tamén se poden adquirir cápsulas compatibles de calidade nos supermercados.


«Longo, curto, moi curto, descafeinado, forte, suave… O café ofrécese como unha experiencia chea de opcións.»


Mais, e o leite? Están a pórse de moda os batedores de leite, para que tamén o leite achegue calidade e fantasía a esta infusión. Existen batidos de todo tipo, desde os manuais aos máis sofisticados, pasando por uns sinxelos batedores eléctricos de vara, con pilas o recarga usb, que permiten facer unha escuma excelente coa que crear uns capuchinos marabillosos, ou uns batidos ou calquera bebida que conteña lácteos.

Como funcionan?

Curiosamente, é máis sinxelo elaborar escuma con leite desnatado que con leite enteiro, o que é unha boa noticia se nos estamos a coidar. Só hai que botar a cantidade necesaria a un vaso ou recipiente con suficiente capacidade, pór a funcionar o batedor e agardar, ou bombear se usamos unha escumadora manual.

É bo ter o leite escumado xa preparado antes de facer o café e despois engadilo suavemente. Se o café é bo e xerou unha capa cremosa de calidade na súa superficie, a unión coa escuma proporcionaranos unha moi grata experiencia sensorial. Se a nosa elección é un capuchino, ademais de seguir a regra dos terzos (un de café, outro de leite, outro de escuma) poderemos engadir ao gusto canela ou cacao en po.

 

Só se permite a utilización deste contido noutros sitios web enlazando coa nosa url, mencionando como fonte comesaudable.
©Comesaudable, GB Corporación 2021. Aviso Legal

(Visited 54 times, 1 visits today)