O muesli
O muesli popularizouse como un alimento emblemático da dieta saudable. Na súa composición atopamos mesturados cereais, froitos secos e froitas deshidratadas.
Foi inventado polo médico suizo Maximilian Bircher-Benner. De feito, a palabra muesli provén da suíza-alemá «Birchermüesli» que quere dicir «papa de cereais de Bircher». Inspirouse na cea dun pastor que atopou nunha das súas expedicións aos Alpes.
Entre os cereais que o compoñen pode haber avea, trigo, centeo, orxo, millo ou arroz, ben en flocos ou inflados, integrais ou refinados.
Entre as froitas máis empregadas na súa elaboración poden atoparse ameixas, mazás, peras, pasas, dátiles, bananas, amorodos, ananás, coco… Tamén se engaden froitos secos e sementes, como noces, améndoas, avelás, cacahuetes, sésamo, liño, xirasol…
Pode consumirse rehidratado con auga, leite, leites vexetais… e adozalo con azucre, mel, canela…
Beneficios nutricionais
O muesli é un alimento nutritivo, enerxético e saciante. Achega fibra, vitaminas do grupo B, vitamina E e minerais como o ferro, calcio, fósforo, cobre e magnesio.
É moi recomendable para persoas con problemas de azucre, polo seu baixo índice glucémico. Tamén está indicado para o estreñemento, pola súa achega de fibra.
Só se permite a utilización deste contido noutros sitios web enlazando coa nosa url, mencionando como fonte comesaudable.
© Comesaudable, Madrid 2020. Aviso legal