Pola túa saúde, pola saúde do planeta
Ademais de impactar na saúde humana, o xeito en que nos alimentamos afecta a saúde do planeta polo seu impacto ambiental. A produción de alimentos de orixe vexetal tende a xerar menores emisións de efecto invernadoiro e precisa de menos auga e menos terra que a produción de alimentos de orixe animal.
A humanidade transita cara un sistema de dietas saudables a partir de sistemas alimentarios sostibles.
Se pensamos nun planeta habitado por dez mil millóns de persoas, escenario que se acadará contra 2050, os legumes están chamados a desempeñar un papel clave na alimentación: lentellas, chícharos, feixóns e outros legumes poden conseguirse a través dun cultivo relativamente sostible. A emisión de gases de efecto invernadoiro é ata sete veces menor en cultivo de legumes que noutros cultivos, e ademais contribúen a fixar o carbono nos solos. Ademais toman o seu propio nitróxeno da atmosfera, reducindo a necesidade de aplicar fertilizantes nitroxenados. O resultado é que tras a colleita o solo disporá de residuos ricos en hidróxeno, beneficiosos para o próximo cultivo.
Nacións Unidas sostén que algúns legumes especialmente resistentes á seca contribuirán a proporcionar seguridade alimentaria en ambientes secos, nos que a alimentación supón un desafío. Ademais, os legumes poden secarse e almacenarse durante moito tempo sen que esa práctica implique perda de valor nutricional.
©Comesaudable, GB Corporación 2021. Aviso Legal
Fonte: Healthy Living Guide 2020/21, Universidade de Harvard