Froitas e verduras sempre seguras
CASTELLANO
No medio ambiente (solo, po, auga de rego…) pode haber microorganismos patóxenos e elementos químicos que en ocasións poden contaminar as froitas e verduras.
Por este motivo é moi importante unha manipulación axeitada antes do seu consumo.
Na compra
- Observa que non teñan mazaduras nin danos externos. A súa superficie ten que estar limpa e sa, co brillo e a cor propia da especie de que se trate.
- Para o seu transporte á casa, pon as froitas e verduras separadas de carnes, peixes, mariscos e produtos de limpeza.
Na casa
- En xeral, conserva e verduras na neveira. Dentro dela, deben separarse do resto dos alimentos cociñados e crus e almacenarse na zona menos fría (caixóns).
- Hai froita e verduras que, pola súa natureza e grao de maduración, poden conservarse a temperatura ambiente, mais sempre por períodos cortos (como cebolas e cítricos en xeral).
- Cando compres froitas e verduras cortadas e/ou peladas, ou cando as prepares na casa, consérvaas no frigorífico.
Na cociña
- Manipula sempre as froitas e verduras separadas doutros alimentos, con especial coidado cando se vaian consumir en cru.
- Lava as mans antes e despois da preparación.
- Todos os utensilios e superficies de cociña que vaias utilizar deben estar limpos e secos.
- Corta as partes danadas.
- Lembra: as herbas aromáticas frescas (pirixel, alfabaca…) e os brotes de sementes (soia) debes lavalas igual que as froitas e verduras.
Como se lavan as froitas e verduras?
- Lávaas baixo o chorro da billa, aínda que as vaias pelar, pois así evitas que a contaminación pase do coitelo ao alimento.
- Usa cepillos específicos para as superficies das froitas de casca dura (melón, sandía…) ou algunhas verduras (cogombro, cabaciña…).
- Sécaas con papel de cociña.
- Ademais, se vas comer froita crúa con pel, verdura crúa (leituga, espinacas…) ou verdura crúa con pel (cogombro), mergúllaas durante 5 minutos en auga potable con 1 culleriña de sobremesa de lixivia (4,5 ml) por cada 3 litros de auga. Despois acláraas con abundante auga corrente.
- A lixivia debe estar etiquetada como “apta para a desinfección de auga de bebida”.
Fonte: AESAN (Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición)
http://www.aecosan.msssi.gob.es/AECOSAN
(Visited 81 times, 1 visits today)