Un tesouro das rías
Non só son un manxar e unha fonte de nutrientes, senón que a súa captura atrae cada vez máis pescadores deportivos, dada a súa abundancia en zonas como a ría de Vigo. Son as luras de ría, cientificamente loligo vulgaris.
Os seus grandes ollos sérvenlle para ver en condicións de moi baixa luminosidade, e os seus dez tentáculos, dous deles de gran lonxitude, sérvenlle para capturar as súas presas. A súa boca, en forma de pico, permítelle atravesar a coiraza das súas capturas. Poden expulsar tinta para defenderse ante os ataques, e teñen todo o poderoso arsenal de ataque e defensa que lles proporciona a súa marabillosa capacidade de camuflarse. A lura é un prodixio da natureza.
Normalmente acada un máximo de 50 centímetros de lonxitude e un peso duns 2 quilogramos. As aletas ocupan uns 2/3 do manto. O seu consumo achega moitas proteínas, vitaminas e minerais, con alto contido en cobre.
Gastronomicamente, non ten nada que ver coa lura conxelada que se compra habitualmente, ou coa procedente do Índico. Ten un aroma intenso e unha textura realmente fina. Capturadas con poteira, unha a unha, Galicia achega o 10 % da lura consumida en fresco en España.
As luras guisadas con patacas son un dos pratos máis populares e suculentos. A calidade la lura fresca e das patacas galegas é unha combinación infalible. En internet abundan as receitas. Outras formas de consumo, ademais das tradicionais prancha e á romana, son en empanada, encebolados e na súa tinta.
©Comesaudable, GB Corporación 2021. Aviso Legal